
Prezadas colegas,
Prezados colegas,
Temos o pracer de comunicar a celebración do VIII Congreso Internacional de Dialectoloxía e Sociolingüística (CIDS 2026), organizado polo Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela en parcería co Projeto do Atlas Linguístico do Brasil (https://alib.ufba.br/cids). O encontro, que terá lugar en Santiago de Compostela do 13 ao 16 de xullo de 2026, pretende ser un espazo de intercambio e reflexión sobre a diversidade lingüística, a variación dialectal e as dinámicas sociolingüísticas, en contextos actuais e históricos.
Nesta edición, que presentamos baixo o título Cartografías da lingua: variación, contacto e planificación, prestarase unha atención especial aos procesos de variación nas situacións de contacto lingüístico e ás estratexias de planificación e xestión da diversidade lingüística, tanto desde perspectivas empíricas coma teóricas, e en diferentes contextos xeográficos e temporais. Por outra banda, son especialmente benvidas neste congreso as contribucións sobre linguas minorizadas.
Na primeira circular, que remitimos en anexo, poden consultarse os eixes temáticos, modalidades de participación e envío de propostas. Na próxima circular ofrecerase información máis pormenorizada.
Agradecémosvos a difusión desta información entre as persoas que poidan estar interesadas.
Será un pracer para nós poder contar coa vosa presenza no VIII CIDS 2026!
